abr 09 2007
Nota de prensa, 9 de Abril
lunes, 09 de abril do 2007

Asomúsica, Asociación de profesorado de música de secundaria e bacharelato de Galicia, informa:

Que na asemblea xeral ordinaria do 24 de Marzo de 2007 da nosa asociación acordouse secundar a folga de profesorado de música, plástica e tecnoloxía convocada polo sindicato CIG-Ensino para o vindeiro xoves 12 de Abril.

Esta folga responde á falta de diálogo na elaboración do novo cadro horario da ESO por parte da Consellería de Educación dentro do marco da aplicación da LOE. Lembramos que na proposta presentada polos responsables desta consellería a reducción en cada unha destas materias está no 40% da carga lectiva obrigatoria (superior no caso da tecnoloxia).

Como asociación de profesorado o noso posicionamento en cuestións educativas é de franca colaboración cos responsables educativos e nunca de confrontación. Neste senso manifestámonos na última reunión mantida coa consellería o 26 de febreiro aportando ideas e ofrecendo a nosa axuda.

A falta de resposta e de diálogo da consellería levounos a mostrar os nosos argumentos por outras vias. Fixemos unha proposta horaria conxunta con APETEGA (Asociación de profesorado de Tecnoloxía de Galicia) mediante ós sindicatos presentes na mesa sectorial (luns 5 de Marzo) e no Consello Escolar de Galiza (28 de Marzo).

Foi, por tanto, anterior ó Consello Escolar cando a asemblea xeral de asociados de Asomúsica tomou a decisión de secundar a folga.

Tras estas iniciativas que amosan pola nosa parte unha actitude de traballo e de compromiso educativo, a consellería anunciou, nese citado Consello Escolar, a decisión de estudiar e reflexionar sobre as propostas presentadas, retirando o seu borrador inicial coa única data de referencia para novas propostas a do Consello Escolar de Galiza do venres 13 de Abril.

Aínda que a nosa asociación valora dun xeito moi positivo este xesto, mantén a decisión acordada pola asemblea mentres a consellería non estableza un novo marco ou acepte dialogar e debatir sobre a presenza equilibrada e racional das ensinanzas artísticas e de creación no currículo educativo da Ensinanza Secundaria Obrigatoria.

Con este obxectivo Asomúsica ten solicitada entrevista coa Conselleira de Educación Laura Sánchez Piñón estando á espera de contestación.

Asomúsica.

9 de Abril de 2007

Última actualización ( martes, 10 de julio do 2007 )