A Música forma parte esencial das nosas vidas. A nosa Comunidade Autónoma conta con dous Conservatorios Superiores de Música e unha Escola Superior de Arte Dramática, onde se imparten ensinanzas equivalentes ás universitarias. Ademais, podemos sumar oito conservatorios de Música e Danza de Ensino Elemental e Profesional dependentes da Xunta, e varios máis dependentes de Deputacións ou Concellos e, tamén, mencionar Escolas de Música públicas, normalmente de titularidade municipal.
Afortunadamente, existen dúas orquestras profesionais e compañías de Teatro e Danza de primeiro nivel, tanto públicas como privadas. En tódalas cidades podemos gozar de concertos, espectáculos de teatro, circo, danza e audiovisuais de gran variedade de estilos e formatos. Sen embargo, este escenario aparentemente favorable á vida artística e musical, contrasta coa triste realidade na nova lei educativa, xa que a Música na LOMLOE segue a perder espazo ata case desaparecer do curriculum. A LOMLOE insiste en negar presenza ás artes, principalmente ás performativas, malia que o desenvolvemento da personalidade tanto na infancia coma na adolescencia favorécese coa aprendizaxe das artes, sendo a música un dos vehículos identitarios máis fortes. As materias de Música e de Artes Escénicas e Danza son o único espazo onde o alumnado pode experimentar co seu corpo como vehículo de expresión artística e achegarse directamente a estes contidos. Tódolos estudos de investigación concordan en que a través da educación musical se melloran a concentración, a memoria, a coordinación, a expresión, a capacidade de síntese, a empatía, o traballo en equipo e o desenvolvemento cognitivo. Alén disto, somos conscientes de que a través das clases de Música e Artes Escénicas se favorecen as actividades colaborativas, a integración do alumnado nun grupo, foméntase o intercambio de ideas, o respecto entre iguais, a creatividade, o coñecemento doutros contextos e o desenvolvemento da intelixencia emocional. Por que se insiste en que desaparezan estas destrezas e saberes dos plans de estudos? É que a LOMLOE perpetúa o primeiro dos problemas da Educación Musical nas anteriores leis: unha presenza insuficiente, discontinua, incoherente e inconexa no sistema educativo xeral. A carga lectiva ao longo da Primaria e a Secundaria Obrigatoria segue sendo escasa e desordenada. Non se garante a súa presenza nin en Infantil nin practicamente en todo o Bacharelato, onde a proposta curricular pretende eliminala como optativa e deixala relegada unicamente á vía do Bacharelato de Artes Escénicas (que actualmente só se oferta en 11 institutos de toda Galicia). Ademais, desaparece a materia optativa de 4º ESO e a de Artes escénicas e Danza. A inmensa maioría do alumnado vai realizar os seus estudos académicos sen ter acceso a unha Educación Musical mínima. O gran público do futuro non sae unicamente dos conservatorios e das escolas de música: tamén é perto do 95% dos nenos, nenas e adolescentes que están agora nos colexios e institutos de toda Galicia e que só recibirán a educación e formación musical, de artes escénicas e danza que lle deamos no ensino. Cal é o obxectivo primordial dos docentes de música de Galicia? Queremos acompañar o desenvolvemento do noso alumnado en tódalas súas etapas educativas a través da música, do movemento, do audiovisual, da voz e dos instrumentos, da percusión corporal, etc. e poñer en valor as súas verdadeiras capacidades. Para conseguir isto é esencial unha educación musical de calidade, presente en tódolos centros educativos galegos e en tódalas etapas educativas de ensino pre-obrigatorio, obrigatorio e post-obrigatorio. É imprescindible que a Música teña unha presenza abonda para achegar ao alumnado o desenvolvemento artístico imprescindible para construírmonos como persoas e como sociedade, en todos e cada un dos aspectos da vida. |
NovasNesta sección poderedes atopar novas relacionadas coa asociación ou coa educación musical. Publicacións
Mayo 2024
Categorías
Todos
|