ASOMUSICA
  • INICIO
  • Quen somos
  • NOVAS
  • ASÓCIATE
  • RECURSOS
  • CONTACTO

De novo toca actuar

22/11/2021

 

A Música forma parte esencial das nosas vidas. A nosa Comunidade Autónoma conta con dous Conservatorios Superiores de Música e unha Escola Superior de Arte Dramática, onde se imparten ensinanzas equivalentes ás universitarias. Ademais, podemos sumar oito conservatorios de Música e Danza de Ensino Elemental e Profesional dependentes da Xunta, e varios máis dependentes de Deputacións ou Concellos e, tamén, mencionar Escolas de Música públicas, normalmente de titularidade municipal.

Afortunadamente, existen dúas orquestras profesionais e compañías de Teatro e Danza de primeiro nivel, tanto públicas como privadas. En tódalas cidades podemos gozar de concertos, espectáculos de teatro, circo, danza e audiovisuais de gran variedade de estilos e formatos.
​

Sen embargo, este escenario aparentemente favorable á vida artística e musical, contrasta coa triste realidade na nova lei educativa, xa que a Música na LOMLOE segue a perder espazo ata case desaparecer do curriculum. 

A LOMLOE insiste en negar presenza ás artes, principalmente ás performativas, malia que o desenvolvemento da personalidade tanto na infancia coma na adolescencia favorécese coa aprendizaxe das artes, sendo a música un dos vehículos identitarios máis fortes. As materias de Música e de Artes Escénicas e Danza son o único espazo onde o alumnado pode experimentar co seu corpo como vehículo de expresión artística e achegarse directamente a estes contidos. 

Tódolos estudos de investigación concordan en que a través da educación musical se melloran a concentración, a memoria, a coordinación, a expresión, a capacidade de síntese, a empatía, o traballo en equipo e o desenvolvemento cognitivo. Alén disto, somos conscientes de que a través das clases de Música e Artes Escénicas se favorecen as actividades colaborativas, a integración do alumnado nun grupo, foméntase o intercambio de ideas, o respecto entre iguais, a creatividade, o coñecemento doutros contextos e o desenvolvemento da intelixencia emocional. Por que se insiste en que desaparezan estas destrezas e saberes dos plans de estudos?

É que a LOMLOE perpetúa o primeiro dos problemas da Educación Musical nas anteriores leis: unha presenza insuficiente, discontinua, incoherente e inconexa no sistema educativo xeral.  A carga lectiva ao longo da Primaria e a Secundaria Obrigatoria segue sendo escasa e desordenada. Non se garante a súa presenza nin en Infantil nin practicamente en todo o Bacharelato, onde a proposta curricular pretende eliminala como optativa e deixala relegada unicamente á vía do Bacharelato de Artes Escénicas (que actualmente só se oferta en 11 institutos de toda Galicia). Ademais, desaparece a materia optativa de 4º ESO e a de Artes escénicas e Danza.

A inmensa maioría do alumnado vai realizar os seus estudos académicos sen ter acceso a unha Educación Musical mínima. O gran público do futuro non sae unicamente dos conservatorios e das escolas de música: tamén é perto do 95% dos nenos, nenas e adolescentes que están agora nos colexios e institutos de toda Galicia e que só recibirán a educación e formación musical, de artes escénicas e danza que lle deamos no ensino.

 Cal é o obxectivo primordial dos docentes de música de Galicia? Queremos acompañar o desenvolvemento do noso alumnado en tódalas súas etapas educativas a través da música, do movemento, do audiovisual, da voz e dos instrumentos, da percusión corporal, etc. e poñer en valor as súas verdadeiras capacidades. Para conseguir isto é esencial unha educación musical de calidade, presente en tódolos centros educativos galegos e en tódalas etapas educativas de ensino pre-obrigatorio, obrigatorio e post-obrigatorio. 

É imprescindible que a Música teña unha presenza abonda para achegar ao alumnado o desenvolvemento artístico imprescindible para construírmonos como persoas e como sociedade, en todos e cada un dos aspectos da vida.


Los comentarios están cerrados.

    Novas

    Nesta sección poderedes atopar novas relacionadas coa asociación ou coa educación musical.

    Publicacións

    Febrero 2023
    Julio 2022
    Mayo 2022
    Abril 2022
    Marzo 2022
    Febrero 2022
    Enero 2022
    Diciembre 2021
    Noviembre 2021
    Septiembre 2021
    Mayo 2021
    Abril 2021
    Marzo 2021
    Diciembre 2020
    Noviembre 2020
    Octubre 2020
    Septiembre 2020
    Julio 2020
    Abril 2020
    Marzo 2020
    Junio 2019
    Noviembre 2016

    Categorías

    Todos
    ANUNCIOS XUNTA
    ASOCIACIÓN
    ASOCIACIÓN
    CONVOCATORIAS
    EDUCACIÓN MUSICAL
    EDUCACIÓN MUSICAL
    EXPERIENCIAS MUSICAIS
    FORMACIÓN
    FORMACIÓN
    LEXISLACIÓN
    LEXISLACIÓN
    PROXECTOS DE INNOVACIÓN

    Fuente RSS

Con tecnología de Crea tu propia página web con plantillas personalizables.
  • INICIO
  • Quen somos
  • NOVAS
  • ASÓCIATE
  • RECURSOS
  • CONTACTO