Este sábado, 21 de maio tiveron lugar as IV Xornadas do Ensino Musical, organizadas desde esta asociación no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. Fantásticas ponencias e obradoiros para inspirar o noso traballo diario. Noraboa a ponentes e participantes!
Xa temos todo preparado para celebrar as IV Xornadas do Ensino Musical. Celebraranse o sábado, 21 de maio no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. Trataranse temas como a nova lexislación, aplicación de novas metodoloxías e tecnoloxías na aula de Música e haberá un obradoiro de Soundpainting. Podedes inscribirvos cubrindo o seguinte formulario e enviando o xustificante de pago ao correo [email protected]. Tedes toda a información no seguinte tríptico:
Hoxe a nosa presidenta tivo unha pequena intervención no informativo de RNE para explicar a nosa situación e as consecuencias que terán os novos cambios educativos que trae a aplicación da LOMLOE en Galicia.
Podedes escoitala na seguinte ligazón: https://www.rtve.es/play/audios/informativo-de-galicia/cronica-galicia-21-04-22-escuchar-ahora/6501377/ #nosimportalamusica #educaconmusica #musicanobacharelato Ante esta proposta de currículo da LOMLOE para Galicia, tan lesiva para a educación musical e para o noso colectivo, non podemos quedarnos calados. Os medios de comunicación estanse facendo eco da nosa situación e axudándonos a dar a voz de alarma.
https://www.farodevigo.es/galicia/2022/04/20/indignacion-profesores-musica-nuevo-curriculo-65203622.html https://www.lavozdegalicia.es/noticia/educacion/2022/04/20/ganan-pierden-nuevos-horarios-lomloe/00031650476011880723350.htm #educaconmusica #musicanobacharelato #nosimportalamusica Xa están dispoñibles as entradas para o Congreso #ConEuterpe que se celebrará en Logroño do 6 ao 8 de maio. Poderedes desfrutar de experiencias educativas, ponencias, obradoiros e actuacións musicais. Tedes toda a información na seguinte ligazón.
Animádevos! Xa temos información sobre o Foro de educación musical que organiza a COAEM coa colaboración de Apemex e a Universidade de Extremadura. Terá lugar en Badajoz do 24 ao 26 de marzo e contará con mesas de debate, obradoiros, comunicacións de expertos e de experiencias de aula... e poderase participar en modalidade presencial ou virtual. Por suposto, como membros da COAEM, @s asociad@s de ASOMUSICA terán un desconto na inscrición.
Ademais, este I Foro por la Educación Musical de España (#FOROEM22Badajoz) convida a docentes (de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bachalerato, Escolas de Música, Conservatorios, Ciclos Formativos), investigadores, persoas e colectivos interesados en hacer aportes relacionados coa Educación Musical, a enviar a súa proposta/resumo de traballos en formato Comunicación (15 minutos), Mesa redonda-Simposio (ata 60 minutos) e Póster. Se vos interesa esta opción tedes ata o 13 de febreiro para enviar a vosa proposta. Tedes a información completa co programa, poñentes... na web do Foro. Animádevos a participar! O sábado, día 18, acudimos á concentración en defensa do ensino musical que se celebrou na Praza do Toural de Santiago de Compostela no marco da convocatoria da COAEM para todo o Estado Español. O obxectivo é reivindicar un ensino musical digno e suficiente para todo o alumnado de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato.
Pedimos un maior número de horas de música en todas as etapas obrigatorias e, en Bacharelato, garantir a optatividade en todas as modalidades ofrecendo materias optativas de música. A prensa tamén se fixo eco das nosas reivindicacións. Podedes consultalo na seguinte ligazón. O próximo 18 de decembro, ASOMUSICA vai unirse ás mobilizacións convocadas desde a COAEM en defensa da Educación Musical, para reclamar ás autoridades educativas que se inclúa a materia de Música en todos os niveis do ensino obrigatorio (Infantil, Primaria e E.S.O.) e Bacharelato, así como unha maior presenza lectiva dentro do sistema educativo. Achégate á praza do Toural de Santiago de Compostela ás 12h para a concentración e anímate a cantar con nós a peza que xuntamos. Agardámoste!!
A Música forma parte esencial das nosas vidas. A nosa Comunidade Autónoma conta con dous Conservatorios Superiores de Música e unha Escola Superior de Arte Dramática, onde se imparten ensinanzas equivalentes ás universitarias. Ademais, podemos sumar oito conservatorios de Música e Danza de Ensino Elemental e Profesional dependentes da Xunta, e varios máis dependentes de Deputacións ou Concellos e, tamén, mencionar Escolas de Música públicas, normalmente de titularidade municipal.
Afortunadamente, existen dúas orquestras profesionais e compañías de Teatro e Danza de primeiro nivel, tanto públicas como privadas. En tódalas cidades podemos gozar de concertos, espectáculos de teatro, circo, danza e audiovisuais de gran variedade de estilos e formatos. Sen embargo, este escenario aparentemente favorable á vida artística e musical, contrasta coa triste realidade na nova lei educativa, xa que a Música na LOMLOE segue a perder espazo ata case desaparecer do curriculum. A LOMLOE insiste en negar presenza ás artes, principalmente ás performativas, malia que o desenvolvemento da personalidade tanto na infancia coma na adolescencia favorécese coa aprendizaxe das artes, sendo a música un dos vehículos identitarios máis fortes. As materias de Música e de Artes Escénicas e Danza son o único espazo onde o alumnado pode experimentar co seu corpo como vehículo de expresión artística e achegarse directamente a estes contidos. Tódolos estudos de investigación concordan en que a través da educación musical se melloran a concentración, a memoria, a coordinación, a expresión, a capacidade de síntese, a empatía, o traballo en equipo e o desenvolvemento cognitivo. Alén disto, somos conscientes de que a través das clases de Música e Artes Escénicas se favorecen as actividades colaborativas, a integración do alumnado nun grupo, foméntase o intercambio de ideas, o respecto entre iguais, a creatividade, o coñecemento doutros contextos e o desenvolvemento da intelixencia emocional. Por que se insiste en que desaparezan estas destrezas e saberes dos plans de estudos? É que a LOMLOE perpetúa o primeiro dos problemas da Educación Musical nas anteriores leis: unha presenza insuficiente, discontinua, incoherente e inconexa no sistema educativo xeral. A carga lectiva ao longo da Primaria e a Secundaria Obrigatoria segue sendo escasa e desordenada. Non se garante a súa presenza nin en Infantil nin practicamente en todo o Bacharelato, onde a proposta curricular pretende eliminala como optativa e deixala relegada unicamente á vía do Bacharelato de Artes Escénicas (que actualmente só se oferta en 11 institutos de toda Galicia). Ademais, desaparece a materia optativa de 4º ESO e a de Artes escénicas e Danza. A inmensa maioría do alumnado vai realizar os seus estudos académicos sen ter acceso a unha Educación Musical mínima. O gran público do futuro non sae unicamente dos conservatorios e das escolas de música: tamén é perto do 95% dos nenos, nenas e adolescentes que están agora nos colexios e institutos de toda Galicia e que só recibirán a educación e formación musical, de artes escénicas e danza que lle deamos no ensino. Cal é o obxectivo primordial dos docentes de música de Galicia? Queremos acompañar o desenvolvemento do noso alumnado en tódalas súas etapas educativas a través da música, do movemento, do audiovisual, da voz e dos instrumentos, da percusión corporal, etc. e poñer en valor as súas verdadeiras capacidades. Para conseguir isto é esencial unha educación musical de calidade, presente en tódolos centros educativos galegos e en tódalas etapas educativas de ensino pre-obrigatorio, obrigatorio e post-obrigatorio. É imprescindible que a Música teña unha presenza abonda para achegar ao alumnado o desenvolvemento artístico imprescindible para construírmonos como persoas e como sociedade, en todos e cada un dos aspectos da vida. |
NovasNesta sección poderedes atopar novas relacionadas coa asociación ou coa educación musical. Publicacións
Mayo 2024
Categorías
Todos
|